Á feira, encebolado, braseado con escuma de queixo parmesano, recheo con cordeiro e cogomelos, acompañado doutros produtos do mar como lagostinos (en salpicón, á vinagreta ou con fabas), vieiras (en brocheta ou á galega), ameixas (ao coco-curry) ou pulpo; tamén en empanada, empanadilla, croqueta e mesmo hamburguesa ou bocadillo e sen que falte tampouco a especialidade tradicional, na súa tinta con arroz e/ou patacas.

Estes son algunhas das múltiples maneiras nas que podemos degustar, dende onte e ata o vindeiro domingo día 16, o afamado Choco de Redondela.

Servirano, para consumir no local, para levar ou a domicilio (sen custe adicional), un total de 11 establecementos hostaleiros do municipio que participan nas primeiras Xornadas Gastronómicas do Choco, unha alternativa á tradicional festa na que cada ano, por esta época, a vila dos viadutos rende homenaxe ao seu produto de excelencia.

O marco incomparable que ofrece sobre a baía de San Simón a Confraría de Pescadores de Redondela, en Cesantes, foi o lugar elixido para presentar esta iniciativa. “Non se podía elixir un sitio mellor para a presentación do noso produto estrela”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas quen lembrou que “Redondela é coñecida como a vila do choco e nestas xornadas deixaremos ben claro o porqué da denominación”. Do mesmo xeito, recordou que “a hostalaría e o sector do mar foron os que peor o pasaron durante todo este tempo, que aínda están a sufrir as consecuencias desta pandemia, e por iso esta iniciativa cumpre o dobre obxectivo de, por unha banda, poñer en valor o noso produto estrela, o choco, e por outra dinamizar a hostalaría e restauración”.

Ademais, a degustación de choco pode traer consigo premios. Os clientes deben solicitar nos establecementos uns cupóns para participar no sorteo dunha experiencia de turismo mariñeiro e dun lote de viño.