Moi popular e querida na vila, Maite Isla será a pregoeira do Corpus Christi 2021 de Ponteareas, a segunda festa de interese turístico internacional da Vila do Tea que tocará vivir con limitacións pola pandemia da COVID-19.

Natural de Mondariz e veciña de Ponteareas dende a infancia, Maite Isla garda unha gran relación co Corpus ponteareán, grazas á súa colaboración coa festividade e á súa labor como alfombrista en distintos tramos alfombrados ao longo da súa vida.

Maite Isla ten unha ampla e recoñecida traxectoria no tecido social de Ponteareas. Vinculada ao sector comercial dende hai 45 anos, foi presidenta durante máis dunha década da asociación de comerciantes da localidade. Ademais, foi vicepresidenta da Federación Provincial de Comercio.

Na comunidade educativa ponteareá, Isla tamén participou como presidenta dunha ANPA local.

No ámbito social, a pregoeira do Corpus 2021 é presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, colectivo no que leva involucrada máis de 30 anos na procura de mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos.

Recentemente, coa aparición da COVID-19, coordinou a centos de persoas voluntarias para lograr confeccionar máis de 200.000 máscaras, traxes e gorros para o persoal sanitario.

“Maite é un exemplo de persoa loitadora polas causas xustas, con empatía, solidaria e comprometida co ben común, e iso exemplifica á perfección o carácter das e dos alfombristas ponteareáns”, entende a alcaldesa ponteareá en funcións, Cristina Fernández Davila.

A lectura do Pregón das Festas do Corpus Christi 2021 terá lugar o sábado 5 de xuño no auditorio municipal Reveriano Soutullo.

Por outro lado, o Concello traballa na creación do primeiro museo a ceo aberto de Galicia. A Concellería de Promoción Económica traballa para combinar a tradición das alfombras coa tecnoloxía. As rúas de Ponteareas terán sinalizados os tramos alfombrados a través de marcadores con códigos QR, para obter no teléfono móbil información ao respecto.

Museo a ceo aberto