O confinamento domiciliario que tivemos que vivir o ano pasado ao ser declarado o estado de alarma, deulle para moito a unha moza de Salvaterra, Mónica Cabaleiro Álvarez. Comezou construír un crebacabezas de 33.600 pezas e rematouno este ano. Os visitantes do Parque Público A Canuda poden velo, está exposto nas aulas do recinto. Foi cedido temporalmente pola súa autora, natural da parroquia de Leirado.

Atópase entre os cinco crebacabezas de maior tamaño do mundo. O nome desta creación de pezas diminutas é “Vida salvaxe”.

Mónica comezou a montalo o 6 de abril de 2020 e rematouno en marzo deste ano. Aproveitaba todas as horas de sol para, peza a peza, darlle forma a este xigante de multitude de cores e animais.

A metade do crebacabezas fíxoa en dous meses, os de peche domiciliario pero, unha vez que comezamos poder saír das nosas casas, foi baixando a intensidade de traballo e levoulle case un ano completalo.

Mide 1,77m x 570cm e pesa case 20 quilos. É o segundo máis grande do mundo dunha soa imaxe. Esta imaxe foi dexeñada en exclusiva por un ilustrador, feito a medida e a escala soamente para este deseño.

Mónica moi orgullosa do seu traballo facilitouno durante un tempo ao Concello para que todos, cativos e adultos, o poidan contemplar.

Con todo, a súa afección non vai parar con esta creación. Asegura que está a preparar outro, aínda que máis pequeno, de 24.000 pezas, para despois pasar ao máis grande do mundo que hai agora mesmo e que conta con 42.000 pezas.

Mónica anima a outras persoas que se sinten atraídas polos crebacabezas a que gocen con ese pasatempo. Poder facer cada vez un de máis pezas é, segundo asegura, cuestión de “paciencia e constancia”.

O Concello agradece que teña facilitado a exposición da súa obra para que, especialmente, os nenos e nenas que visitan o parque da Canuda poidan admiralo e, por qué non, animarse a progresar na montaxe de grandes crebacabezas.