O alto do Castro de Herville será meta de La Vuelta 21 o vindeiro 4 de setembro tras ter sido o Pazo de Mos saída de etapa o ano pasado, algo que non é mera casualidade senón que “é froito do amor e a aposta decidida de Óscar Pereiro polo seu pobo, ao que quixo ter en conta ao deseñar unha das etapas máis espectaculares deste ano. E froito tamén da confianza depositada por Javier Guillén en Galicia en xeral, como zona histórica e recorrente de paso de La Vuelta, e en Mos en particular, aceptando a proposta de Óscar tras ter formado xa parte da competición en 2020 o noso municipio”. Así o explicaba a alcaldesa Nidia Arévalo no acto de presentación oficial da etapa 20 que tivo lugar esta semana na Cidade Deportiva Afouteza do Celta ao que asistiron diferentes autoridades, entre elas o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou “a oportunidade que supón esta competición para dar a coñecer Galicia como destino turístico no exterior, así como os puntos das distintas rutas do Camiño de Santiago”.

Esta etapa atravesa as Rías Baixas polos concellos de Sanxenxo (de onde sae), Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona e Mos e ten moitas similitudes con trazado do Camiño Portugués. Ademais Mos é un municipio moi vencellado á ruta xacobea, tal e como o reflicte o seu lema “A Rosa do Camiño”.

Trátase esta da segunda das tres etapas que pasarán por Galicia, cunha anterior na Ribeira Sacra por Monforte, Lugo e Sarria e a última desde Padrón ata a Praza do Obradoiro, que é tamén o último tramo que realizan os peregrinos antes de chegar á catedral compostelá.

Programación

Ademais de detallar o percorrido, que transcorrerá por sete parroquias mosenses (Louredo, Mos, Torroso, Petelos, Sanguiñeda, Pereiras e Cela) no acto presentáronse tamén as actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses con motivo da etapa 20 en Mos que serán, entre outras, a V Challenge Rías Baixas (8 e 9 de maio), a Copa España de Carretera organizada polo Club Ciclista Rías Baixas (16 de maio), un encontro con Discamino e ‘Pedalea con Discamino’, un mural colaborativo e un concurso de máscara conmemorativa para implicar ao alumnado do IES, o evento ‘Mos sobre rodas’, un Campionato de Fútbol 7, unha carreira con ex ciclistas, un día con Induráin e un concerto na Cidade Deportiva Afouteza do R.C. Celta

Por último, tras o éxito do da edición 2020, tamén se deseñou un maillot conmemorativo da etapa mosense de La Vuelta 21.