O Concello de Soutomaior lanzou este mes de abril unha nova iniciativa para impulsar o consumo directo da veciñanza no comercio e hostalería do municipio. Así, agasallará cunha planta ornamental, con maceta e bolsa de compostaxe, por cada 25 euros de compra realizada nos establecementos da vila entre os días 9 e 29, exceptuando as cadeas de grandes supermercados.

Para participar só é preciso presentar os tíckets de compra orixinais, xunto co DNI, no momento de recoller o regalo, que será xusto nos días seguintes do remate da campaña. O venres 30, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e o sábado 1 de maio, de 11.00 a 14.00 horas, farase entrega das plantas na carpa situada na Alameda Talo Río de Arcade. Só se poderá recibir un máximo de dúas plantas por persoa participante.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destaca que “a situación económica de moitas empresas está ao límite pola pandemia, non só na hostalería. Por iso esta campaña está aberta a todo tipo negocios, sen importar o ramo. O único que se pide é que sexan negocios do municipio”.