Contribuír a potenciar a creatividade en lingua galega da mocidade é o obxectivo co que a sección de lingua e literatura e a de normalización lingüística (PUGA) do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración cos concellos de Gondomar, Baiona e Nigrán, convocan Primavera Literaria do Val de Miñor de Videopoemas e Videomicrorrelatos. O certame estará constituído por dúas modalidades, videopoesía e videomicrorelato, para fomentar distintas narrativas de creación audiovisual e contará con seis categorías, cinco (garrano, xabaril, teixo, esquío e bolboreta) para rapaces da comarca nados de 2003 en adiante e unha (carballo) para persoas adultas, nadas no ano 2002 ou anteriores, sen limitación xeográfica ningunha.

4.000 euros en premios

En cada unha das categorías e modalidades outorgaranse dous premios (ouro e prata), repartindo así un total de case 4.000 euros. A cantidade correspondente ás categorías de menores (que suman 2.430 euros) entregarase en forma de vales de compra para gastar no comercio local, e no caso da categoría carballo repartiranse 1.500 euros: 500 e 250 euros para o primeiro e segundo posto en cada unha das categorías.

“Queremos premiar aos nosos artistas e tamén aos nosos comerciantes polo grande esforzo que están facendo nestes tempos tan duros”, explican os alcaldes miñoráns.

Participación

O primeiro a ter en conta é que un microrrelato non é unha historia, nin unha anécdota, nin unha ocorrencia, senón un relato curto, caracterizado pola precisión no reconto e o uso da linguaxe, así como por unha trama paradoxal e sorprendente.

As persoas que queiran participar no certame soamente terán que gravar un vídeo de máximo un minuto onde se lea un poema ou un microrrelato en lingua galega. Os textos dos poemas e microrrelatos deben ser orixinais e a súa autora ou autor debe ser membro do equipo que produza a peza audiovisual. Ademais será posible participar con máis dunha creación, pero todas deben ser orixinais e inéditas, non publicadas en ningún formato con anterioridade á resolución do certame. Todas as obras finalistas serán publicadas nas redes sociais do IEM.

Ata o 9 de maio

O prazo de presentación das obras remata ás 23.00 horas do día 9 de maio. As obras compartiranse mediante enlace de descarga (WeTransfer ou Google Drive) ao correo electrónico oficina@iem.gal e acompañadas dun arquivo pdf co texto da mesma e outro arquivo pdf coa plica, na que se incluirá o nome e apelidos dos autores das obras, dirección, email, teléfono de contacto, número de DNI ou NIE e data de nacemento; un escrito certificando que as obras son inéditas e orixinais, non premiadas en outros certames e que se ceden os dereitos de reprodución dos vídeos na web e redes sociais do Instituto de Estudos Miñoráns e para os autores menores de idade, debe mandarse unha autorización dos titores legais para participación neste concurso e a reprodución do vídeo na web e en redes sociais, indicando o nome completo e número de DNI ou NIE dos titores legais.

Os tres arquivos nomearanse da seguinte forma: título da obra.mp4 (máximo 64 MB), título da obra PLICA.pdf e título da obra TEXTO.pdf

Citas literarias

Dende o IEM aseguran que o Val de Miñor ten “dúas grandes citas literarias ao ano, o histórico premio de poesía Victoriano Taibo de outono que organizan co concello de Gondomar, e a primavera videoliteraria”, á vez que se senten “moi satisfeitos e agradecidos, coa boa acollida do certame polos concellos da Mancomunidade”.

Na organización confían que se poida celebrar cunha gala final no mes de maio ou xuño, se as condicións sanitarias o permiten. “Sería o día perfecto para gozar da festa das letras e do comercio local que queremos que sexa este concurso”, conclúen.