Gran ambiente, con bos lances e grandes capturas, así valoran dende o club Subacuático Pérez-Sub as horas iniciais do III Campionato Open de Pesca Submarina Vila de Baiona, que segundo avanzaba a mañá e ían clarexando as augas as pezas ocultábanse á vista dos pescadores.
Logo de cinco horas de pesca nas inmediacións de Cabo Silleiro, dende ás 09.00 ata as 14.00 horas, o balance foi de máis de 200 quilos de produto que, ao igual que en edicións anteriores, foi doado integramente ao comedor social da Fundación Casa Caridad Hogar San José de Vigo.
Foron un total de 39 as persoas participantes no campionato, que contou coa colaboración do Concello de Baiona, estando o alcalde Carlos Gómez e a concelleira de Deportes, Miriam Mar Costas, na entrega de premios, no centro social de Baredo, logo de que se levase a cabo a pesada.
Entregáronse tres galardóns en cada unha das catro categorías: senior, féminas, sub-23 e veteranos, e o premio á maior peza foi para José Luís Peso, do club anfitrión, que pescou un gran abadexo de 4 quilos e 600 gramos.