O Museo de Pontevedra convértese nun ‘museo itinerante’ que segue o Camiño Portugués durante os meses de abril, maio e xuño facendo parada en dez localidades da ruta como son Tui, Ribadelouro, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga, Pontecesures, Padrón e Redondela. Precisamente nesta última vila foi onde deu comezo a andaina do Museo en Camiño, unha iniciativa destinada a rapazada de 6 a 12 anos para dar a coñecer os fondos da institución museística pontevedresa e difundir o ‘espírito xacobeo’ polas vilas do Camiño Portugués

O primeiro dos obradoiros, de carácter plástico e creativo, desenvolveuse a pasada semana no multiusos da Xunqueira. Os fondos da institución chegaron da man dunha ‘maleta viaxeira’ con réplicas en miniatura de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

Exposición

A iniciativa inclúe tamén unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido “coa intención de trasladar todo o vivido ao público”.