Co obxectivo de realizar cada mes unha charla sobre temáticas xacobeas relacionados coa peregrinación polo Camiño Portugués, o Concello de Tui pon en marcha a iniciativa “Foro do Camiño Portugués”. Trátase dunha sesión presencial pero retransmitida en liña, a través da web tui.gal, para favorecer o acceso de todas as persoas interesadas.

O ciclo comezou esta semana da man de Juan Manuel López-Chaves, fundador da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo, organizador en Tui en 1984 do primeiro Encontro do Camiño Portugués e promotor do recoñecemento do Camiño polo Consello de Europa nese mesmo ano.

A creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións e a posta en marcha do perfil de facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis de 1700 amigos son algunhas das mostras do traballo que dende o Concello se están a levar a cabo co fin de promocionar o Camiño. Algunhas actuacións quedaron interrompidas pola pandemia e outras mantivéronse adaptándose ás novas circunstancias. concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, sinala que este foro “inxírese na vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea”.