“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”. Son algúns dos argumentos, simples pero contundentes, que os comerciantes de Nigrán ofrecen nunha nova campaña de dinamización e aposta polo comercio de proximidade.

O Concello, xunto a Asociación de Empresarios Ovalmi, vén de lanzar a campaña de promoción do comercio local ‘Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?’ que dá continuidade ao hashtag iniciado no Nadal #VivoEnNigránComproEnNigrán. A iniciativa municipal sitúa novamente como protagonistas aos propios comerciantes do municipio, seleccionando como imaxes de todos os carteis e como testemuñas dos vídeos que se irán estreando paulatinamente a máis dunha vintena deles de diferentes parroquias e sectores, dende unha peixería, a un centro de estética, tendas de roupa, establecementos hostaleiros, bazares, un taller de rodas ou unha mercería.

O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o Nadal ou anteriormente no confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. Nesta ocasión adoita un cariz máis informal e divertido mediante o propio deseño, os posados dos protagonistas e a propia pregunta popular ‘E ti de quen ves sendo?’ coa súa agardada resposta ‘Eu son de mercar en Nigrán’ e o recordatorio “Cando mercas local enriqueces ao teu pobo e axudas aos teus veciños”.

A campaña inclúe difusión publicitaria e en redes sociais, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, vinilos para escaparates, adhesivos e oito vídeos. Terá continuidade no tempo, polo que desde o Concello animan a todos aqueles comerciantes interesados en participar coa súa imaxe a escribir a comunicacion@nigran.org co fin de ser eles os próximos protagonistas.