“Que gran xente esa que fai o Camiño de Santiago… Dio o valado que contempla o descanso do peregrino. E ao pé do camiño ata podes atopar un tesouro pequeniño”. Así rezaba a pista do último dos tesouros atopados no Porriño, que neste caso agochábase nun muro preto dun albergue e foi encontrado por Blanca Inés Gómez. Trátase do xogo “A Miña Avoa” co que se pretendeu, ademais de ofertar unha actividade de lecer en familia, incentivar as compras no comercio local.

A pesar de que dende a organización estableceuse como data límite o 9 de xuño para atopar os tesouros o certo é que a alta participación e éxito da iniciativa fixo que en tan só 11 días se descubrisen os seis premios agochados e que reportaron seis vales de compra por importe de 50 euros cada un a consumir nos 145 locais adheridos á campaña.

Noelia Davila, unha das gañadoras, e Pablo Rodríguez, propietario do establecemento onde conseguiu a pista. A. GUTIÉRREZ

Foron cinco as veciñas que descubriron os seis tesouros e que nuns días recibirán un diploma “polo seu entusiasmo e afouteza, como buscadores oficiais de agasallos do Concello do Porriño”. A consumición dos vales farase a través dunha aplicación móbil, podendo gastar os 50 euros en diferentes compras e establecementos, “desfrutando así de xeito gratuíto dende un café, bocadillo ou menú nun local de restauración ata calquera outra compra no resto de establecementos do comercio da vila”, explica Joaquín Rodríguez, de Especialistas Hípica Celta, produtora de eventos encargada da posta en marcha do xogo. Rodríguez fai fincapé en que a pesar de presentar unha faceta lúdica, “moi importante tamén”, o obxectivo principal da iniciativa é “crear tendencia na cidadanía para que merque no comercio de proximidade, desbotando así as grandes plataformas e áreas comerciais”. É tal o éxito da proposta que, logo de desenvolverse por primeira vez no Porriño, “outros concellos como o de Rianxo xa a ten programada para o mes de maio”.

Foi a Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) dende onde se organizou a iniciativa co apoio das concellerías de Festexos e Comercio e a colaboración tamén das asociacións de comerciantes (Acipor) e hostaleiros (Ahospor).

Montserrat Davila, no lugar onde atopou un dos tesouros. FDV

A avoa Euxenia

A campaña parte dunha entrevista ao neto da avoa Euxenia, que foi unha persoa moi distinguida na comarca, nela conta que polos seus aniversarios escondía os agasallos por toda a vila, xunto con pistas, para que así os cativos desfrutasen atopándoos. O mesmo se fixo cos premios desta campaña. No momento da compra o cliente recibía unha folla de xornal na que podía ler entre liñas unha adiviña, a modo de pista oculta, e a partir de aí comezaba a procura do tesouro agochado nalgún recuncho da vila e que resultaba ser un vale de compra de 50 euros.

Clientes e comerciantes valoran de xeito moi positivo a iniciativa e gustarían dunha nova edición

Os cidadáns valoran de xeito moi positivo a iniciativa, “pareceume bastante divertida e entretida, unha escusa para saír a pasear polo pobo e en familia”, comenta Noelia Davila, veciña que atopou un dos tesouros, agochado neste caso baixo un banco do parque Alcalde Gonzalo Ordóñez, ao cal chegou logo de ler, na folla de xornal que lle entregaron en El Ultramarino, o seguinte texto: “observo con admiración o parque que á dereita do mapa está. As miñas madeiras viron como persoas sentaban a albiscar a cor verde que me rodea e para si gozar.” Ademais deste, Noelia tentou sorte procurando outros tesouros a través doutras pistas e asegura “que había algunhas que te podían confundir, levándote ao lugar equivocado, pero aí está o divertido do xogo”.

“A iniciativa é xenial porque sempre se dinamiza o comercio local e dáselle un pouco de vida ao pobo"

No caso de Montserrat Davila o premio foi dobre ao atopar dous dos tesouros, un deles estaba nos xardíns próximos á oficina de Correos e o outro nos exteriores da biblioteca municipal. Tamén esta veciña do Porriño implicou á familia no xogo pasando un bo rato e con recompensa. Sonia Barciela e Julia Cerrada foron as outras dúas gañadoras. A primeira atopou o tesouro nun banco pegado á Capela de San Bieito e a segunda descubrino dentro dun testo de plantas no Parque do Cristo, preto do palco.

Por outra banda, tamén os comerciantes acolleron con ilusión a campaña. “A iniciativa é xenial porque sempre se dinamiza o comercio local e dáselle un pouco de vida ao pobo. Está ben que se vaian organizando accións como estas ao longo de todo ano, que se fagan espazadas no tempo. Vimos implicación, a xente preguntaba e participou bastante. A ver se repetimos e temos máis xogos como este”, sinala Pablo Rodríguez, xerente de El Ultramarino.