A Guarda foi o concello da provincia de Pontevedra con maior taxa de doazóns de sangue no ano 2020 e con tal motivo a Axencia Galega de Doazóns de Órganos e Sangue (ADOS) agradece aos veciños a súa solidariedade. Así o expón a directora da Axencia, Marisa López García, na carta que lle remitiu fai unhas semanas ao alcalde da vila mariñeira, na que fai constar o agradecemento e a axuda recibida do Concello da Guarda co labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue.

Dende ADOS e dende o propio consistorio guardés felicítase á veciñanza “que unha vez máis volveron a destacar como o concello de maior taxa de doazóns de sangue da provincia de Pontevedra”, con 700 doazóns de sangue no ano 2020, o que representa 70 doazóns por cada 100.000 habitantes e ano, por riba das 40/100.000 que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS).

A Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue é un servizo esencial no soporte da actividade asistencial dos nosos hospitais e as especiais dificultades que estamos a vivir trala declaración da pandemia. Así e todo a colaboración cidadá foi encomiable en Galicia o que supuxo poder atender as necesidades que se presentaron, aseguran.