Neste inverno pasado, caracterizado pola pandemia que estamos a vivir e polas restricións sanitarias que elo supón, o Concello da Guarda veu de suspender os eventos públicos evitando así as concentracións de xente nos interiores. Mais chegado o momento no que os días crecen e o sol favorece o paseo, así como pasado os peores momentos da crise sanitaria, dende o consistorio considerouse oportuno recuperar a actividade cultural reivindicando que a cultura é necesaria, incluso mais que en outros momentos, para sobreelevar esta situación.

Deste xeito, creouse unha programación polo Día Internacional do Libro que arrancou o pasado venres, na praza do Reló, con “Riscando o Ceo”, da compañía Circo Chosco, un espectáculo de circo para toda a familia inspirado no clásico da literatura infantil “O Principiño” .

E hoxe terá lugar a segunda proposta escénica dedicada desta volta aos mais pequenos da casa e da man da compañía Migallas cos seus “Contos do Chupete”, no Centro Cultural ás 12.00 horas, con inscrición previa.

Ademais, nesta semana desenvolvéronse outras actividades como os “puntos de libros”, que, caracterizados coa temática mariñeira que identifica a vila, permite aos veciños levar un libro de agasallo. Estes puntos están situados no Concello, na Praza de Abastos e na biblioteca municipal, onde tamén se colocou un mural, na entrada, no que os usuarios poden deixar as súas mensaxes e comentarios.

E xa para rematar, dende onte e ata o 22 de maio, aquelas persoas que realicen compras de libros nas librerías da Guarda por valor de 30 euros ou mais obterán un bolso de agasallo.