O Concello de Redondela está inmerso nos preparativos das Xornadas Gastronómicas do Choco, que se celebrarán do 7 ao 16 de maio e da que participarán un total de 11 establecementos de hostalería que ofertarán diferentes propostas de degustación, tanto en doce como en salgado. Unha iniciativa esta que substitúe, neste 2021, á tradicional Festa do Choco dada a imposibilidade de celebrala por segundo ano consecutivo por mor das restricións sanitarias vixentes.
“Dende o principio, tíñamos claro que non podíamos adaptar á Festa do Choco, polas súas especiais características de celebración multitudinaria, ás actuais normas sanitarias e, polo tanto, optamos por outro tipo de celebración no que o protagonismo recae, directamente, sobre a hostalaría e, loxicamente, sobre o choco como produto de excelencia”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
Pese ao impedimento de ter unha festa de rúa con actividades e degustación multitudinarias, o Concello optou pola celebración dunhas xornadas que, amais de seguir poñendo en valor o choco como produto estrela e de calidade, contribúan á dinamización do sector da hostalaría e restauración, un dos máis duramente golpeados polas restricións derivadas da pandemia, e, ao mesmo tempo, a manter a actividade das xentes do mar que teñen no chocho o seu medio de vida.
As xornadas, nas que colaboran activamente a Asociación de Hostaleir@s Rías Baixas e a Confraría de Pescadores, permitirán así “poñer en valor e degustar este produto identificativo de Redondela e amosar a imaxinación culinaria dunha hostalaría, como a redondelá, de excepcional calidade”.
As bases polas que se rexe a participación dos locais de hostalaría e restauración establecen, entre outros puntos, que os establecementos incluirán propostas gastronómicas nas que o produto principal sexa o choco de Redondela que será subministrado pola Confraría de Pescadores e subvencionado polo Concello. Así pois, a previsión inicial é de adquirir uns 10 quilos de produto por restaurante, gasto co que correrá integramente o Concello ademais de asumir tamén o custe do servizo de reparto a domicilio. “A idea é potenciar o consumo e degustación do choco nos establecementos hostaleiros participantes pero, ao mesmo tempo, reforzar tamén o servizo de reparto a domicilio”. Doutra banda, o feito que o choco sexa comprado á Confraría de Pescadores, , “asegura a calidade do produto e garante que realmente sexa «choco de Redondela»”, subliña a alcaldesa.
Programación
Paralelamente ás degustacións do choco, preparado coas distintas receitas que cada establecemento hostaleiro garda con celo, o Concello de Redondela ten preparado un programa de actividades a desenvolver neses dez días, e que pese a desenvolverse nas rúas seguirán estritos protocolos de seguridade sanitaria.
“É imprescindible non baixar a garda. Chegamos a esta situación con grandes esforzos e sacrificios por parte de todos, fixemos o máis difícil e agora só é cuestión de seguir actuando con cautela e responsabilidade”, conclúe a rexedora local.