A pandemia da COVID-19 volve frustrar, por segundo ano consecutivo, a multitudinaria Festa da Lamprea que celebraría esta fin de semana Arbo. Acada a súa 61 edición e o Concello programou animación musical para que o pobo non deixe de celebrar a súa tradicional homenaxe á lamprea, peixe que capturan os seus pescadores desde as milenarias pesqueiras do Miño e lle da sona internacional.
Para conmemorar a data, o Concello colga esta fin de semana un vídeo conmemorativo da festa nas redes sociais e terá música, hoxe, nas rúas coa súa agrupación folclórica A.C. Barca de Loimil, ás 12.00 e ás 19.00 horas. Mañá ás mesmas horas soará nas rúas a A.C. A Vella Barca e, tamén, dará un concerto a Banda de Música de Xinzo, ás 13.00 horas, na praza do Concello.
A festa como a lembramos estaba inicialmente prevista para onte, hoxe e mañá, como así figura no cartel anunciador gañador do concurso nacional de deseño convocado polo Concello, pero finalmente terá que agardar ao 2022 para volver a celebrarse con “máis normalidade”, segundo avanzou o alcalde arbense, Horacio Gil.
O autor do cartel anunciador da festa é un artista navarro, Maximiliano Cosatti, vencedor de entre os máis de 30 deseños de distintos puntos de España que recibiu Arbo neste certame.
Actividades tradicionais da Festa da Lamprea como a Gala da Lamprea, na que se entrega o recoñecemento de Arbense Distinguido, quedan adiadas ao segundo fin de semana de agosto, coincidindo coa 26 edición da Festa da Lamprea Seca. A gala será ao aire libre na praza do Concello.
Aínda que non haxa unha multitudinaria degustación nos stands de Arbomostra, os restaurantes arbenses demostrarán esta fin de semana aos seus clientes, un ano máis, o seu dominio na preparación da lamprea, ao estilo Arbo e en numerosas receitas na súa variante “seca”.O alcalde de Arbo, Horacio Gil, asegura que os restaurantes estarán cheos debido as restricións de aforamento pola pandemia; cun máximo de ocupación ao 50% nos comedores interiores e un 75% nas terrazas. Algúns teñen reservas en lista de espera. Agora poden tamén servir ceas. A tempada de lamprea na parte alta do Miño durará ata o 15 de maio, así que as persoas que non logren mesa esta fin de semana poderán comela nos próximos días.
Clara Rivero é a propietaria do restaurante A Rula e ao igual que outros hostaleiros de Arbo “nos gustaría que se fixera a Festa da Lamprea porque para nós os restaurantes e para o pobo atrae moitas visitas de xente de fóra, pero claro dada a situación que nos toca temos que aguantarnos”.
Os pescadores de Arbo aseguran que esta está a ser unha tempada de capturas mellor que as dos últimos tres anos. “O mal tempo que houbo a comezos de marzo fixo que subisen moitas lampreas e tivemos días de boas capturas eses primeiros quince días, agora xa baixaron pero con todo está a ser mellor que nos últimos anos” explica Ángel Fernández, presidente da asociación de pescadores O Trabadoiro.