A Casa do Conde, edificio histórico de Salvaterra de Miño, acolle a exposición itinerante “Rio Minho-Memorias Transfronteirizas”, un proxecto froito da colaboración administrativa entre os municipios do baixo e alto Miño, España e Portugal.

A mostra itinerante pretende por en valor o potencial turístico do territorio transfronteirizo, a súa gran riqueza natural, cultural e patrimonial. O río Miño érguese coma un destino ecoturístico vertebrador da cultura e coma un recurso de referencia internacional.

Os visitantes poden contemplar as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos, reflectindo os valores ecolóxicos e patrimoniais do Miño e as xentes que habitan nas súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. Ademais, amosan a cultura dos Tesouros Humanos Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais.

A exposición que abriu onte ao público en Salvaterra de Miño poderá visitarse tamén hoxe, mañá, venres 30 de abril, sábado 1 de maio e domingo 2 de maio. O horario de aperturá será, nos días sinalados, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. A entrada é de balde.

A exposición Rio Minho-Memorias Transfronteirizas está producida pola CIM Alto Minho, en colaboración cos socios AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra.