O Concello de Soutomaior vén de instalar dous novos “Bancos do Peregrino” no traxecto do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade. A iniciativa ten como obxectivo potenciar a imaxe turística do municipio e, a súa vez, poñer ao alcance dos visitantes información útil do concello mediante códigos QR. Así, a través deles poden acceder a unha páxina web con información de todo tipo, dende unha breve historia do municipio ata os puntos de interese. Ademais, estase traballando en ampliar esta información para poder incluír datos sobre albergues, restaurantes e outros negocios locais.

Os novos bancos sitúanse en dous puntos emblemáticos da ruta Xacobea para que os peregrinos se poidan fotografar e obter instantáneas representativas do seu paso pola vila. O primeiro está colocado na Praza de Cimadevila, no centro de Arcade, e o segundo xunto á ponte medieval de Pontesampaio, coa desembocadura do río Verdugo de fondo.

“Ata a chegada da pandemia, o Camiño Portugués traía cada ano ao noso municipio a miles de persoas de todo o mundo. Para nós supón unha oportunidade de ouro para que todos estes peregrinos se leven unha boa lembranza de Arcade e máis adiante queiran volver”, indica o alcalde Agustín Reguera.