Ponteareas terá os seus VI Xogos Florais. Un certame de poesía convocado pola Concellería de Cultura de Ponteareas que inclúe tres categorías: infantil, de 9 a 13 anos; xuvenil, de 14 a 18 anos e adultos, maiores de 18 anos.

Os textos presentados a concurso deberán ser orixinais e inéditos, estar escritos en lingua galega e ser de tema libre. A extensión mínima dos poemas será de 14 versos e a máxima de 40 e só se admitirá un poema por participante.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo até o vindeiro 30 de abril para entregar os seus poemas, presencialmente na biblioteca municipal ou a través do enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal.

O xurado encargado de valoralos estará presidido pola Alcaldía ou persoa en quen delegue, e integrado por outras tres persoas vinculadas á literatura galega, ademais dunha persoa traballadora da Concellaría de Cultura, que actuará como secretaria con voz e sen voto.

A decisión do xurado farase pública con antelación á celebración do Día das Letras Galegas. Os poemas premiados e aqueles que obtiveren o accésit serán publicados nun libro para a súa posterior difusión entre os centros de ensino e público en xeral.

“Iniciamos este nova edición deste certame, a sexta xa, para potenciar e apoiar a creación da poesía entre a veciñanza e difundir a súa actividade creativa” sinala Fernando Groba Bouza, concelleiro de Cultura. “Que Ponteareas é unha terra de escritoras e escritores está máis ca demostrado na nosa historia da literatura. Neste caso, o que facemos é, simplemente, crear posibilidades e espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas” engadiu.