O día grande de San Telmo, no que se fixo entrega dos I Premios Cidade de Tui, conmemorouse tamén o 350 aniversario da publicación da obra “A contenda dos labradores de Caldelas”, máis coñecida como “Entremés famoso sobre a pesca no río Miño”, unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo datada arredor de 1671, que pasa por ser a primeira escrita en galego.

Con tal motivo, presentouse o libro “Miño, río das letras”, no que se inclúe unha edición facsímile desta peza, e a continuación inaugurouse, na zona axardinada a carón da Área Panorámica, un monólito realizado por Anxo Lijó e Manuel Prieto da Escola de Canteiros de Poio e o gaiteiro Diego Alonso e o percusionista Ramón Corral ofreceron unha pequena actuación.

Interviñeron no acto Luís García, presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto; Xosé González, presidente da Fundación L. Peña Novo; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; António Barbosa, presidente da Cámara de Monçao; as deputadas provinciais Noemí Outeda e Victoria Alonso e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.