Os concellos da Guarda, Gondomar, Tomiño, Nigrán, Porriño, Redondela, Soutomaior, As Neves, Covelo e Ponteareas están involucrados en catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala. Fano a través da súa integración no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que cofinanciará estas iniciativas cun total de 99.813 euros.
A Asemblea Xeral da asociación de concellos e deputacións resolveu a comezos deste mes a convocatoria de axudas, á que se presentaron doce propostas centradas en dez países. No encontro virtual, que se celebrou coincidindo co Día Mundial da Saúde, tamén se fixo balance dun 2020 marcado pola pandemia e aprobouse por unanimidade o Plan de Actividades para este ano.
En canto ás accións subvencionadas ás ONGD, o presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, explicou que se apoiará con 25.000 euros a intervención da Fundación Vicente Ferrer para facer efectivo o dereito á vivenda e ao saneamento de 34 familias rurais no distrito indio de Kurnool. A mesma contía recibirá Amigos da Terra para fortalecer a capacidade produtiva e a participación en nove cooperativas pesqueiras nicaraguanas, co fin de mellorar a xestión pública no Departamento de Chinandega. De idéntico orzamento disporá Solidariedade Internacional de Galicia para mellorar a educación nas comunidades indíxenas Ch’orti’ de Guatemala, mentres que a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) obtén 24.813 euros para traballar con mulleres lideresas a prol da sustentabilidade ambiental en El Salvador.
Na xuntanza déuselle asemade luz verde ao Plan de Actividades e ao orzamento para 2021, que contempla proxectos de cooperación directa en Mozambique e Guinea-Bissau e mais unha reserva de fondos para axuda humanitaria. A área de sensibilización inclúe, así mesmo, as actividades do proxecto europeo ‘People & Planet’, no que o Fondo Galego participa canda entidades doutros oito países para concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático, amais de reforzar aos gobernos locais na promoción da sustentabilidade ambiental. Co fin de acadar estes obxectivos, os municipios acollerán actividades de comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña, etc.
170 proxectos en 32 países
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.