Uma, así se chama a Golden Retriever que visitou ao alumnado da escola infantil de Romariz dentro do programa xuvenil de intervención social nos centros educativos organizado polo Concello de Soutomaior. A iniciativa busca, mediante a axuda dos animais, mellorar as capacidades sensitivas e motoras dos escolares.

Dado que o can non fala o a mesma linguaxe cas persoas, os nenos precisaron empregar outros medios, como a linguaxe corporal, para entenderse con el. Unha acción coa que os profesionais buscan que o menor empatice co can e cre un vínculo con el para comprender como se sente. Desta maneira preténdese mellorar a capacidade motora do neno á vez que se potencian as súas habilidades de relación e expresión. Calidades que mellorarán as relacións interpersoais durante toda a súa vida.

Segundo indican dende a entidade organizadora dos obradoiros, a relación cos cans incrementa os niveis de oxitocina nas persoas. Unha hormona que nos axuda a diminuír a tensión, combater os efectos da depresión á vez que mellora a construción de relacións de confianza.

A concelleira de Igualdade, Cristina González, estivo na sesión e cualificou a iniciativa de “novidosa e práctica. É todo un acerto apostar polos animais na educación porque conectan cos nenos dunha maneira moi especial e nos axudan a inculcar valores moi positivos”.

A actividade é unha das accións do programa municipal Sinerxías Educativas dirixida á etapa de infantil, a desenvolver nas escolas de Romariz e na Galiña Azul.