O Concello de Cerdedo-Cotobade iniciou en Almofrei a posta en marcha dunha nova iniciativa, recollida das propostas que a propia veciñanza remitiu aos gobernantes municipais para confeccionar os orzamentos participativos para este ano. Trátase dos denominados como “Roteiros Saudables” creados co fin de fomentar a práctica da actividade física entre os veciños e tamén os visitantes que se acheguen ata o municipio para desfrutar das paraxes e do patrimonio histórico que este ofrece.

Xunto con esta entraron e entrarán en servizo outras rutas como a de Carballedo, Borela, Viascón, así como a “Ruta do Colesterol” de Cerdedo e outra en Quireza, todos circuítos circulares de entre 4 e 6 quilómetros.

O obxectivo é poñer en funcionamento polo menos unha ruta en cada unha das parroquias e lugares de especial interese para promover a práctica deportiva e vida saudable á vez que se promociona o patrimonio natural e histórico.