O Concello de Baiona puxo en marcha unha nova actividade de intervención con animais para menores de entre 9 e 17 anos veciños do municipio. Baixo o nome de Vincúlate, o proxecto busca promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación.
Así, o proxecto propón que cada rapaz apadriñe un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido ou adoptado por unha familia e durante este proceso, de forma paralela e mediante o desenvolvemento dun programa de actividades, os menores traballarán a súa intelixencia e comunicación emocional.
A iniciativa deu comezo este mes de abril e desenvólvese con sesións todos os martes e xoves, en horario de tarde, no campo de fútbol da Ladeira.
Nela están a participar un total de 20 menores, divididos, por idades, en dous grupos de dez, elixidos logo dunha valoración feita pola responsable do Servizo de educación e apoio familiar do Concello, en colaboración cos departamentos de orientación dos distintos centros educativos de Baiona.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, resalta que “dende o Departamento de Servizos Sociais, xurde a idea da creación dun proxecto novidoso que trata de dar resposta á crecente demanda detectada dende hai tempo, tanto no servizo como nos departamentos de orientación dos centros educativos, no traballo da intelixencia emocional”.
Por outra banda, está prevista a formación dun grupo máis reducido para rapaces con trastorno do espectro autista (TEA) e no que se desenvolverían actividades máis específicas de traballo en habilidades sociais, e comunicativas, tempos de espera, diminución de comportamentos estereotipados e toma de decisións, que se faría con cans especificamente preparados para este tipo de traballo.