Nigrán pasará a ser unha localidade de referencia en España ao mesturar en dous dos seus colexios públicos a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos que formulan as ‘escolas-bosque’

O Concello vén de anunciar que ampliará o novidoso proxecto educativo de creación dun ‘Bosque-Escola’ no CEIP Carlos Casares de Vilariño tamén ao CEIP da Cruz (Camos) ante a petición da comunidade escolar e o beneplácito da Comunidade de Montes de Priegue, quen cedería para este uso a parcela forestal ao carón suroeste e negociaría a permuta cos propietarios particulares se fose preciso (o centro está entre as parroquias de Camos e Priegue).

Deste xeito, finalmente o Concello consignará unha partida para que o arquitecto Fermín González, ideólogo do proxecto pedagóxico Sistema Lupo, de referencia en Galicia, redacte ambos proxectos paisaxísticos que defenden a natureza e o xogo como o mellor método de aprendizaxe.

Viveiro

O CEIP da Cruz conta desde 2017, grazas á Comunidade de Montes de Camos, cun viveiro de especies autóctonas a escasos metros do colexio e, precisamente, hai unhas semanas realizaron a plantación tamén en terreos desta entidade. “Isto sería dar un paso máis de xigante nesta liña pedagóxica que defendemos no centro, o profesorado está moi motivado e implicado neste sentido, de feito participamos desde hai anos nun programa continuo de formación relativo aos patios inclusivos”, explica a directora.

No caso deste colexio, inmerso en medio do monte, o arquitecto Fermín González considera que, inicialmente, hai que delimitar o peche para integrar todas as pequenas franxas de monte que quedan fora do mesmo e, a maiores, engadir a parcela en cuestión.