As actividades formativas englobadas no programa de accións “Sinerxías Educativas” promovidas polo Concello de Soutomaior deron comezo nos centros educativos do municipio, prologándose durante todo este mes de abril, maio e xuño.

As accións pretenden achegar á mocidade recursos en relación a diferentes áreas e contidos co fin de proporcionar ferramentas que apoien, por unha banda, a labor educativa dos centros e, por outra, o desenvolvemento integral das persoas fundamentalmente no que respecta aos temas de maior interese para cada etapa educativa. Son accións que mesturan metodoloxías convencionais e outras máis disruptivas cuxa labor é a prevención no eido, por exemplo: de hábitos e conductas de risco, nas adiccións, no desenvolvemento emocional e nas habilidades sociais básicas, na educación en valores e na xestión de conflitos, na conformación da cidadanía e identidade dixital, nas relacións afectivo sexuais, etc. Tamén son accións enfocadas á toma de decisións poñendo en valor a información e a selección como elementos referentes á hora de abordar calquera proceso que implique ter que optar e polo tanto asumir as consecuencias do que decidimos.

Por outra banda, inclúense accións de sensibilización e educación medio ambiental e ponse énfase tamén na capacidade creativa como motor para a aprendizaxe e catalizador da implicación.