Barquiño de vela. | // FDV

Un cataventos e unha lancha de casca de sepia son as dúas primeiras propostas lanzadas polo Concello de Salceda de Caselas no seu proxecto “Xoguetes Naturais”.

Trátase dunha serie de vídeos que nace co compromiso co medio natural, coa recuperación e posta en valor do xogo popular e tradicional, co ocio activo, a educación dos nenos e a transmisión familiar da lingua galega

Os vídeos, publicados nas redes sociais do Concello, mostran paso a paso como construír, con elementos naturais como a madeira ou as cunchas, diferentes xoguetes.

Cataventos

Na primeira das pezas amósase como facer un cataventos. Precísanse unhas plumas de gaivota, canas de distintos tamaños, un pau, unha cuncha, unha rodiña de cortiza de rede de mariñeiro e un fío de cánabo dos chourizos. Primeiro construiremos a armazón central, a continuación o rodicio, despois prepararemos a base e, por último, encaixaremos todas as pezas. Para completarmos algúns dos pasos, cómpre usarmos unha navalla, así que será necesaria a supervisión dunha persoa adulta.

Barquiño de vela

A segunda proposta da serie “Xoguetes naturais”, publicada nos últimos días, trátase dunha lancha de casca de sepia. Coa cuncha dunha sepia, un pauciño e unha folla grande de castiñeiro, amósase como construír un xeitoso barquiño de vela. É moi doado de montar e navega que dá xenio velo!, aseguran. Ao igual que para o cataventos, é necesario o emprego dunha navalla, polo que require a supervisión dunha persoa adulta.