A historia de Emilia Cabaleiro Amoedo, labrega de Cabeiro (Redondela), asasinada aos 54 anos, é unha das que se recolle na exposición ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista”. Nela cóntase como un veciño seguiuna cando ía co seu fillo Antonio levar comida a catro homes de Vigo a Lavadores, onde estaban agochados nunha cova, e delatouna. Despois de sometela a abusos sexuais e torturas, asasinárona, igual que ao seu fillo e os catro fuxidos. A memoria oral conservou que lle cortaran os peitos e lle meterán na boca os xenitais de Antonio.

Emilia é unha das 43 mulleres represaliadas da comarca de Vigo e 172 de toda a provincia de Pontevedra que se citan nesta mostra que pode visitarse no multiusos da Xunqueira, en Redondela.

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, pretende reivindicar a través desta exposición a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936. Foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.

Esta mostra itinerante, que xa estivo exposta noutras vilas da bisbarra como Mondariz, As Neves, Baiona, Tomiño ou Tui, está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres. A segunda, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.

A mostra estará aberta ao público ata o día 21 deste mes en horario de 08.30 a 14.30 de luns a venres e de 10.00 a 14.00 sábados e domingos, e tódalas tardes de 16.00 a 22.00 horas.