O 2 de abril celebrouse o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo baixo o lema “Podo aprender. Podo traballar”, dous eixes claves para a inclusión e mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias, a educación e o emprego. Con esta ocasión o Concello de Nigrán estreou o cambio de iluminación da ponte da Ramallosa incorporando oito focos leds que permiten elixir a cor a través dun mando a distancia e que, a maiores, supón un aforro enerxético do 75% no consumo eléctrico con respecto á antiga iluminación por focos convencionais.

Esta instalación permitirá que non só a Casa Consistorial se coloree en función da efeméride que se celebre, se non tamén agora a ponte da Ramallosa, emblema do municipio e lugar de gran tránsito entre os tres concellos do Val Miñor.

“Esperamos conseguir a recuperación do Camiño de Santiago trala Covid e queremos que esta ponte outorgue visibilidade ás diferentes campañas que se levan a cabo internacionalmente e que nas que o Concello sempre participa porque así nolo piden as respectivas entidades implicadas”, explica o alcalde de Nigrán Juan González.