A Residencia San Telmo, Silverio Rivas e Alberto Estévez Piña son os tres galardoados cos Premios Cidade de Tui neste 2021. O Concello vén de crear e convocar por vez primeira neste ano estes premios cos que recoñecerá anualmente aquelas persoas e entidades do municipio que teñan realizado unha achega de carácter exemplar á vida local ou contribuído coa súa traxectoria á promoción e potenciación de Tui.

A creación deste galardón foi unha proposta formulado polo propio alcalde, Enrique Cabaleiro, que sinala que “o acervo que singulariza á nosa localidade, foi construído ao longo do tempo por tantos e tantas tudenses que, identificados coa súa cidade, entregáronlle o mellor da súa actividade, das súa habelencias, do seu tempo.... Todas estas achegas teñen sido imprescindibles para acadar esta vila que nos acolle e nos da orgullo a todos. O Concello de Tui ten a responsabilidade de animar e incentivar a continuidade desta achega colectiva que a sociedade tudense realiza cada día que enriquece ao noso municipio e á súa historia”

Os premios son de carácter honorífico e serán entregados nunha gala a celebrar coincidindo coas festas patronais na honra de San Telmo. Nesta ocasión, será o vindeiro luns, festividade local, ás 13.00 horas no Teatro Municipal.

A elección dos galardoados foi realizada por un xurado designado pola Xunta de Goberno Local, que estivo presidido polo alcalde e integrado por persoas vinculadas coa vida social tudense: Margarita Pino, catedrática da Universidade de Vigo; María Dolores Balseiro, profesora xubilada; Rosendo Bugarín, médico; Jesús González, xerente de Utingal; Antonio Alonso, veciño; Jose A, Font, director da radio municipal e Marga Romero, escritora e profesora, actuando como secretario Rafael Sánchez Bargiela, funcionario do Concello.

Ademais, neste ano marcado pola pandemia da Covid, o xurado tamén acordou facer constar o recoñecemento a todas as persoas que estiveron na primeira liña da loita contra o virus e solicitar que se garde un minuto de silencio polas vítimas no acto de entrega destes premios que contará coa actuación de Ramón Corral, percusión; Diego Alonso Vila, gaita e Óscar e Pablo Mirás Sánchez, alumnos de piano do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Residencia San Telmo

Na categoría colectiva o premio recae na Residencia San Telmo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados. O xurado ditaminou que “dende 1882 as Hermanitas desenvolven en Tui a súa actividade de acollida aos maiores sen recursos, dende aquela no seu asilo e hoxe Residencia San Telmo, tendo acollido a preto de tres mil anciáns e anciás tanto de Tui como de todo o sur da provincia de Pontevedra continuando na actualidade con este xeneroso labor. Ao tempo teñen conseguido a implicación dun amplo sector da sociedade tudense, con actividades de voluntariado e altruísmo a prol dos residentes. Este galardón quere recoñecer esta ampla traxectoria de case 140 anos resaltando o labor da comunidade relixiosa, do persoal do centro e dos numerosos voluntarios que colaboran no mesmo que o converten nun lugar de referencia para os tudenses”.

Dende a Dirección da residencia, a Superiora María Socorro Campos maniféstase “moi contenta por este galardón, que dende logo non o esperábamos porque o que facemos o facemos por vocación e con moito cariño, é o noso deber, non merecemos ningún recoñecemento por elo pero é moi bonito que se lembren de nós”, de aí que lle de “o agradecemento ao alcalde e a toda a corporación municipal por acordarse de nós”.

O centro conta a día de hoxe cun total de 113 residentes e 10 irmás, que forman parte dun cadro de persoal de más de 40 persoas

Alberto Estévez Piña

Fai pouco máis de dous meses que Tui choraba a morte de Alberto Estévez Piña, xornalista, escritor, historiador, cineasta e ex delegado de FARO DE VIGO na vila. Este luns será galardoado, a título póstumo, co Premio Cidade de Tui, “en recoñecemento a súa persoal traxectoria de incansable animador da vida tudense, con especial referencia ás festas de San Telmo; ao seu traballo de divulgación da nosa historia a través dos seus blogs e publicación, con especial lembranza, ás dúas décadas de corresponsal de Faro de Vigo en Tui, e ao carácter innovador das súas achegas cinematográficas no ámbito do documental “Romaría da morte” (1974) e “Después del silencio” (1978)”, recolle o xurado no seu ditame.

Silverio Rivas

Tamén en categoría individual prémiase as escultor ponteareán Silverio Rivas, que instalou en 1992 o seu estudo na parroquia tudense de Paramos, “convertendo este lugar nun enclave de referencia da arte galega e nun espazo integrado na contorna, que enriquece substancialmente o patrimonio cultural tudense coa obra deste egrexio escultor, un dos principais expoñentes da arte contemporánea de Galicia. Silverio Rivas ten colaborado activamente na vida tudense, salientando o seu Monumento aos represaliados”, ditaminou o xurado.

“Un premio, significa sempre un estímulo para quen o recibe e dalgunha maneira comprométete a facer o teu traballo cada día con máis rigor”, asegura Rivas ao ser coñecedor deste recoñecemento que lle chega aos seus 78 anos e logo de recibir outros como os premios da Crítica Galicia de Ciencias e Artes da Representación e o Laxeiro.

El mesmo recoñece que é difícil calcular cantas obras creou nas súas seis décadas de actividade pero asegura que facendo cálculos, dunha media dunha decena por ano, entre obras monumentais, medianas e pequenas, aproxímase a unhas 600 en total. A última delas “Ayous o Barca Solar”, unha escultura de madeira de dimensións importantes, realizada para a exposición antolóxica Mente Materia da Casa das Artes de Vigo.

Silverio Rivas. | // MARTA G. BREA

Alberto Estévez Piña. | // R. GROBAS