‘Activa – mos – nos’ é o nome do novo programa de actividade deportiva para maiores que organiza o Concello de Mos. Impartirase en grupos de catro persoas con monitor deportivo cumprindo, segundo indican fontes municipais, con todas as medidas anti Covid.

O programa terá unha duración de tres meses, de abril a xuño, contando con dúas sesións á semana dunha hora de duración. Haberá opcións de horarios, de mañá e de tarde, a elixir dende as 09.30 horas ata as 19.30 horas. As sesións impartiranse ao aire libre, no sendeiro do Río Louro e o prezo será de 7 euros ao mes por persoa participante.

No Concello de Mos un 19’2% da poboación ten máis de 65 anos e o crecemento natural no municipio foi negativo no ano 2019, con 57 defuncións máis que nacementos. Estes datos amosan a tendencia ao avellentamento da poboación da vila, facéndose cada vez máis necesaria a implementación de recursos e programas específicos para este sector.