O Concello de Salceda de Caselas está a recomendar cada mes deste ano 2021 unha obra da sección de libros en igualdade, dispoñible na biblioteca municipal. Lecturas todas elas recollidas na guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade, que pretenden amosarlle a nenos e mozos que outros contidos na literatura son posibles: o empoderamento das mulleres, a repartición de tarefas no fogar, a ruptura cos estereotipos sexistas ou a visibilización das mulleres na historia ou na ciencia.

A recomendación deste mes de abril é a novela de aventuras “Nena e o mar” de Érica Esmoris. Puerto Ballena é unha vila mariñeira na que todos os seus habitantes perderon a esperanza. Só Otto, o último mozo da vila, segue saíndo ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Pero un día Otto non regresa. Nena loitará contra a desidia e a fatiga dos vellos habitantes e, con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle colle no seu corpo miúdo, emprenderá, nun pequeno bote, unha aventura temeraria e fantástica para rescatar ao seu pai.