Un libro recolle máis dun cento de árbores senlleiras de Tomiño

Con motivo da conmemoración do Día dos Bosques, o Concello de Tomiño presentou un catálogo de árbores senlleiras, co que se pretende poñer en valor aquelas especies máis identificativas e singulares do municipio e o seu patrimonio natural e cultural asociado, unha iniciativa que, á vez, é pioneira no ámbito municipal galego.

A iniciativa, promovida polo concelleiro Francisco Campo e impulsada pola anterior edil de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, recolle un total de 125 rexistros compostos por 116 árbores e 9 formacións correspondentes a 40 especies. Delas, a metade son autóctonas coma o carballo, o sobreiro, o amieiro ou o freixo, e a outra metade corresponden a especies exóticas e foráneas como a oliveira, o magnolio ou o cedro do Himalaia.

Segundo explica o autor do libro, Xurxo Mariño, o traballo de campo e recompilación estivo levándose a cabo durante o último ano e medio, onde destacou tamén a implicación e participación de moitos veciños na conformación do catálogo. “Quixemos darlle un enfoque múltiple, de xeito que tivese un carácter técnico pero que tamén servise como recurso educativo e divulgativo”, sinala.

Do mesmo xeito, desde a concellería de Medio Ambiente que actualmente dirixe Ana Belén Casaleiro, explican que se escolleron sete rexistros do catálogo para propoñer que sexan incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e valórase a posibilidade de que o catálogo poida ampliarse facendo unha segunda recompilación.

O libro está dispoñible para descarga na web municipal.

Concurso

Co gallo da presentación do libro, lanzouse tamén o I Concurso de Composición Artística ou Relato Curto “¿Como ves ti as nosas árbores senlleiras?” no que os participantes deberán plasmar o xeito no que ven as árbores singulares do municipio.

Establécense catro categorías dependendo da idade (benxamín ata os 6 anos, infantil de 7 a 11 anos, xuvenil de 12 a 17 anos e adulto a partir dos 18).

Nas categorías benxamín e infantil os participantes poderán presentar un debuxo ou composición realizado con materiais reciclados ou naturais, mentres que na xuvenil e de adultos terán tamén a opción de presentar un relato curto de ata catro páxinas.

As persoas interesadas en participar terán de prazo ata o 14 de maio. As obras entregaranse fisicamente no departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño e irán identificadas cun pseudónimo, indicando concurso árbores senlleiras de Tomiño e a categoría na que se presenta. Será dentro dun sobre pechado onde deben indicar o título da obra, pseudónimo e os datos do autor (nome, idade, enderezo e teléfono de contacto)

Entregaranse un total de oito premios, un primeiro e un segundo por categorías, entre os que se atopan entradas para visitar unha granxa escola, un circuíto nun Ecoparque ou un circuíto termal.