Espazo Lectura está a preparar a décimo cuarta edición da actividade “Dar de ler coma quen dá de beber”, a sesión de lecturas en voz alta que celebran anualmente con motivo da conmemoración do Día do Libro e que se enmarca na Semana do Libro e a Lectura. A actividade consiste nunha lectura colectiva na que, as persoas que o desexen, escollen un texto moi breve dun libro que queiran compartir cos demais.

O acto terá lugar o venres, 23 de abril, na Praza da Paradela (que no caso de mal tempo se pasaría ao auditorio Lois Tobío), entre as 19.30 e as 21.30 horas.

Como en ocasións anteriores, traballan con reunir arredor de 25 ou 30 persoas nun espazo público para ler. “Espazo no que podemos escoitar, compartir e recomendar as lecturas que nos gustan e celebrar así o Día do Libro facendo da lectura un acto de socialización”, indican dende esta organización non gobernamental de Gondomar, fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega.

Como participar

A idade mínima para participar é de 14 anos. As persoas que desexen participar deben escoller un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos e enviar un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 655 553 930 indicando o título e o nome do autor ou autora seleccionado, ademais para organizar máis facilmente o acto, deberase indicar se se prefire ler entre as 19.30 e as 20.30 horas ou no tramo seguinte, de 20.30 a 21.30 horas.