O Concello de Ponteareas repartiu aos estudantes dos seus centros educativos marcapáxinas cos que lembrar a Fermín Bouza-Brey, co motivo do 120 aniversario do seu nacemento. Ademais, a Concellería de Cultura tamén entregoou pousavasos a todas as cafetarías da vila para que os ponteareáns o recorden ou coñezan cando vaian tomar algo.

O autor de Nao senlleira e Seitura, iniciador da corrente vangardista do neotrobadorismo -tendencia que despois cultivarían Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Álvarez Blázquez-, naceu na vila do Tea o 31 de marzo de 1901. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923, chegou a ser membro da Real Academia Galega en 1941 e, en 1992, dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Os marcapáxinas e os pousavasos conteñen diferentes textos para achegar a literatura de Bouza Brey á cidadanía.