A Praia de Patos, en Nigrán acolleu fai un par de semanas a primeira proba do Circuíto Galego Junior de Surf e bodyboard. Logo de máis dun ano sen competición, a última das probas celebrouse a finais de 2019, había moitas gañas de surf e o bo tempo acompañou con moi boas olas que aproximáronse ao metro e medio ambas xornadas.

O equipo de Prado Surf Escola fíxose cos dous primeiros postos nas categorías de Sub 16 masculino con Sebas Baamonde e Sub 12 con Deigo Vieteis. Ademais en Sub 16 feminino, Mara San Marco e Claudia Perereira conseguiron o segundo e terceiro, respectivamente.

Toda a competición realizouse baixo unhas estritas normas de seguridade xa que todas as entidades organizadoras, Federación Galega de Surf, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, eran conscientes de que con esta primeira proba había que demostrar que cumprindo os protocolos o surf galego pode volver á competición

Proxecto escolar

“O Teu Camiño” é a proposta de Prado Surf Escola no marco da primeira edición do programa “O Teu Xacobeo” que a Xunta de Galicia puxo en marcha no 2019. Unha iniciativa destinada aos escolares de Galicia que da man de Prado Surf Escola, tal e como explica a súa directora Lorena Vilán, consiste na realización de varias etapas do Camiño de Santiago, apoiadas nun concurso fotográfico; a participación en charlas de concienciación medioambiental e actividades relacionadas, como a recollida de residuos nas praias, e un bautismo de surf. En total 10 xornadas, en horario de 09.00 a 16.00 horas, que comezarán a partir do 1 de maio, en caso de que a situación sanitaria así o permita, e que se estenderán ata finais de xullo.