Os cinco vehículos deportivos adaptados do Concello de Nigrán volveron a rodar polas rúas do municipio tras meses de restricións debido á pandemia. Como era habitual antes da crise da Covid-19, familiares e voluntarios de Discamino ofreceron un paseo pola costa a usuarios do CEE Juan María de Parada.

A pasada semana, aproveitando o bo tempo saíron cunha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo mono-roda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co- pilot e unha bicicleta adaptada. Todos estes, con base no Pavillón Municipal, forman parte da iniciativa do goberno local ‘Un Nigrán para todos’ e son empregados por usuarios do CEE Juan María, estando igualmente dispoñibles para toda aquela persoa que o desexe.

E esta semana, Concello e Discamino volveron a aliarse para ofrecer, por vez primeira, un paseo en bicicleta adaptada aos maiores do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón.