A recoñecida chef tomiñesa Toñi Vicente vén de presentar o seu primeiro libro, “A miña cociña”, que contou coa colaboración do Concello de Tomiño. A praza do Seixo foi a escollida para celebrar un acto “sinxelo mais tamén emotivo e entrañable”, segundo fontes municipais, que serviu tamén como “homenaxe especial aos seus pais, Delmiro e Antolina, dos que aprendeu a amar a cociña de calidade feita con produtos da zona”.

“Toñi é sen dúbida un orgullo para todas e todos nós, unha pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller, e que aínda alcanzando o máis alto prestixio internacional nunca renegou de Tomiño e sempre o tivo moi presente alí a onde foi”, sinalou a alcaldesa, Sandra González.

Antes de comezar coas receitas, a chef, que conseguiu en 1989 a primeira estrela Michelín galega co seu restaurante Síbaris, reflexiona sobre os seus primeiros pasos na cociña, evocando a súa feliz infancia marcada pola existencia do restaurante familiar no que viu cociñar á súa nai con gran destreza. “Este libro é unha homenaxe a miña nai, esa muller coa que descubrín os primeiros acubillos e sabores da miña vida”, comenta.

Vicente explica que os piares da súa cociña, “unha cociña próxima e contundente”, son a calidade da materia prima (carnes, hortalizas, peixes e mariscos) do país e a simplicidade unida á tradición. “A vangarda está nas inquedanzas, na procura do cociñeiro, na súa imaxinación que, ben expresada, pode ser a arma máis poderosa para crear ilusións...máis é preciso non esquecer a tradición e as raíces. A miña cociña bebe da tradición pero tamén investiga e crea cousas novas”.

No acto estivo acompañada polo fotógrafo do libro, Xulio Gil, e o editor José Luis Teófilo, de Teófilo Edicións.

Actualmente está retirada dos fogóns e reside de novo en Tomiño, feito que lle permitiu reunir o tempo necesario para preparar a publicación do seu primeiro libro de receitas.