Seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo traballarán en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral na cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño. Responsables dos gobernos municipais de Tomiño e de Vila Nova de Cerveira acordaron nunha reunión de coordinación que o evento, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, se celebre do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián.

Este certame internacional xa consolidado estaba previsto inicialmente para o mes de xuño pero tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós, e que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio xa recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países. O proceso de selección das obras rematará probablemente a finais deste mes de marzo, e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. “Este ano a decisión vai ser moi difícil porque temos enriba da mesa proxectos moi interesantes”, explica Pobornikova.

Tallar en metal

Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito

Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. As seis novas obras de arte resultantes, coma vén sendo habitual, pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas, instalándose tres pezas en Tomiño e outras tres en Vila Nova de Cerveira.