A loita contra o cambio climático é o tema sobre o cal traballa o alumando de 4º de Primaria do CEIP Pena de Francia a través da comunidade de centros escolares de Europa eTwinning. Fabio, Gael, Leire, Sofía, Nico, Uxía, Marta, Jose, Laura, Anxo, Ariadna, Rihana e Marcos, os 13 estudantes que integran a clase de 4º B, enviáronlle unha cara á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a cal recibiu precisamente no Día Mundial da Auga, na cal lle piden axuda e colaboración para participar neste proxecto europeo e “facer realidade o noso soño de loita contra o cambio climático”.

Entre as peticións dos rapaces figuran iniciativas que xa se están a levar a cabo no Concello de Mos, así como outras que se poderían mellorar ou implementar e algunhas a poñer en marcha. Máis puntos limpos para a recollida de obxectos contaminantes, charlas medioambientais nos centros educativos, instalación de placas solares, saídas colectivas para limpeza de montes e zonas verdes, fomento do uso de medios informáticos e electrónicos para reducir o uso de papel, fomentar o uso de bolsas de papel e tea, así como de composteiros nos fogares e de vehículos eléctricos, reducir o consumo de plástico son algunhas das propostas trasladadas polos escolares.

A rexedora local xunto cos edís de Educación, Julia Loureiro, e Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, manterán unha xuntanza por videoconferencia proximamente con alumnado e a súa mestra, en aras de poñer en marcha as iniciativas propostas que aínda non se atopen activas e mellorar en todo o posible as xa existentes para “facer”, tal e como din os nenos na súa carta, “do noso Concello un lugar máis limpo e sostible, e que siga a ser un lugar agradable e bonito”.