O Concello de Gondomar vén de desenvolver unha nova acción solidaria coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS). O pasado domingo unha comitiva púxose en marcha camiño de Alacante, dende cuxo porto trasladaron aos campos de refuxiados de Tinduf tres vehículos e catro palés con roupa, calzado, mantas, material informático e escolar e unha dotación de máis de 32.000 máscaras cirúrxicas doado por este concello do Val Miñor.

Esta caravana solidaria ponse en marcha ante a suspensión do programa Vacacións en Paz, como consecuencia da pandemia e do peche de fronteiras que xerou a aparición da Covid-19, “ algo que non nos pode deixar de brazos cruzados nin a voluntarios nin á sociedade”, manifesta a presidenta da de SOGAPS, Maite Isla, quen agradeceu “a constante resposta positiva e implicación que recibimos por parte do goberno de Gondomar e o seu alcalde, Paco Ferreira, cando pedimos a súa colaboración”.

A representante da delegación en Galicia desta asociación estivo acompañada no acto de entrega de vehículos e demais material polo propio rexedor local; o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga; a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro e o concelleiro de Medio Ambiente e Voluntariado, Brais Misa, así como outros representantes de SOGAPS.

O alcalde explicou que “desde un principio tivemos clara a nosa participación nesta caravana solidaria que estaban a preparar e a nosa contribución nela”.

Deste xeito, Gondomar cede tres vehículos: un camión recolledor vertedoiro, cunha capacidade de 22 metros cúbicos; outro de caixa aberta con guindastre e unha furgoneta.

Convenio anual

Gondomar mantén así a colaboración que desde hai anos sostén con esta asociación, coa que anualmente asinan un convenio con dotación orzamentaria para atender as necesidades dos menores na zona, facilitando o traslado dos cativos no verán ao municipio e adquirindo alimentos para levar a eses campamentos nos que se ven obrigados a vivir.

“Gondomar e a súa veciñanza somos un pobo solidario e sempre buscaremos a forma de axudar aos máis necesitados, tanto os que están preto de nós, como os que viven noutros lugares do mundo e que requiren da nosa axuda”, conclúe o alcalde.