Francisco Sánchez e Dona Urraca guían o novo material turístico

Francisco Sánchez e Dona Urraca guían o novo material turístico

Nunha aposta por un turismo activo e ao aire libre en tempos de pandemia o Concello de Tui vén de presentar un mapa xeral da cidade e outros dous coas rutas “O tesouro de Salomón” e “O túnel de dona Urraca”. O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, precisou, durante o acto de presentación, que as novas guías “están pensadas para ser autoguiadas descubrindo os recunchos do conxunto histórico” e que “permitirán descubrir un Tui distinto”. Destacou que “O tesouro de Salomón”, vinculado á ruta xudía, está guiado por Francisco Sánchez, “quizais o persoeiro máis importante da historia de Tui”. E coma novidade apuntou que “na guía vanse facendo preguntas que o visitante ten que ir descubrindo”.

A historiadora Sara Quintana explicou que a idea coa que se desenvolveu este proxecto foi “crear un produto turístico, educativo e cultural que plasmase de xeito xeral e con certa profundidade a historia de Tui”. Indicou que a ruta de “O túnel de dona Urraca”, cunha duración duns 75 minutos, está formulada cun percorrido polo conxunto histórico entorno á Catedral, e a outra “O tesouro de Salomón”, de 2 horas de duración, abrangue unha zona máis ampla. A elección dos dous personaxes que guían as rutas, Francisco Sánchez e Dona Urraca, obedece a que “Francisco Sánchez é un personaxe moi destacado da historia de Tui e da historia mundial e Dona Urraca tamén, e válennos para falar doutras partes da historia máis transversal coma a independencia de Portugal e o papel que tivo Tui”, explicou.

O ilustrador Xosé Tomás destacou a sintonía coa que se realizou este traballo que “persegue pór a historia de Tui ao dispor dos nenos e do público en xeral”. Indicaba así que “foi un traballo moi agradecido pola enorme sintonía que tivemos á hora de plasmalo, que contou cun diálogo moi bonito a nivel creativo”. Explicaba que presentan “un plano base e logo a adaptación do plano ás distintas rutas”. Engadindo que lles parecía “importantísimo que houbera dúas lecturas, unha primeira lectura da visita, e unha segunda máis a fondo co material xa na casa”. Nese senso, puntualizou que “ao realizar o traballo cambiamos o guión establecido inicialmente para incorporar nunha das caras do plano o detalle dos distintos edificios”.

5.000 exemplares

Todo o material está publicado en galego e castelán, o guión foi realizado pola historiadora Sara Quintana e o deseño corresponde ao ilustrador Xosé Tomás. Edítanse 5.000 exemplares de cada unha destas propostas, as cales xa dispoñibles na Oficina Municipal de Turismo e tamén se poden descargar na páxina web municipal.