O comercio e a hostalería de Ponteareas estrearon recentemente unha plataforma escaparate na que promocionarse a través de internet: escaparate.ponteareas.gal.

Actualmente a plataforma conta con 58 estabelecementos adheridos, divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería. A web consta de catro grandes bloques: Fai a túa busca; Visualiza o estabelecemento; Contacta co estabelecemento e Bloque de actualidade, que irá cambiando en función das novidades e iniciativas que afecten ao comercio local de Ponteareas.

Este escaparate virtual nace do “Plan Dixitaliza o teu negocio”, que a Concellería de Promoción Económica puxo en marcha para o sector durante o confinamento.

“Nun momento de auxe da venda en liña por mor da pandemia, Ponteareas aposta por acompañar ao comercio local no salto á dixitalización, e facémolo empregando un modelo diferente, combinando información dos comercios e hostalaría, con fotografías e vídeos dos estabelecementos, xa que son os verdadeiros protagonistas desta iniciativa” explicou Eva Gil, durante a presentación, á que tamén acudiu a presidenta de Banastra, Yolanda Carballido.

Este escaparate en liña está orientado a darlle unha maior visibilidade aos negocios locais e promover a compra neles por parte da cidadanía. A plataforma é gratuíta tanto para as persoas usuarias e para os comerciantes. O seu custe asúmeo o Concello de Ponteareas e Banastra, a Federación de comercio, hostalaría e servizos.

“Dende o Concello continuaremos realizando traballos de dinamización do portal, xa que o obxectivo é que todos os comercios e estabelecementos da vila que estean interesados en participar no proxecto poidan aparecer neste escaparate” sinalou a edil.