O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para converter o territorio nun polo de atracción turística desenvolvendo produtos turísticos de calidade baseados nos recursos, identidade e tradición do territorio. Así, durante este 2021 darase continuidade ás actuacións xa postas en marcha o pasado ano, con especial énfase na creación de contidos turísticos e novos formatos.

Tendo en conta o Xacobeo 2021-2022, este ano o Camiño de Santiago terá un especial protagonismo con accións encamiñadas a aumentar a estancia posterior no territorio de peregrinos, visibilizando os principais atractivos da contorna das dúas variantes oficiais que pasan polos concellos do Xeodestino.

Tamén se apostará pola enogastronomía como eixo central de novos produtos turísticos en base ao potencial vitivinícola e ás festas gastronómicas do territorio, conformando unha oferta singular, sustentable e desestacionalizadora que combine tradición e innovación.

Por outra banda, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño porá en marcha tamén liñas de traballo que faciliten ás empresas o deseño de produto turístico comercializable, fomentando o traballo en rede e a creación de sinerxías. Ademais continuarase coa actualización de contidos, crearase novo material audiovisual, ampliarase o banco de imaxes e desenvolverase material para que as oficinas de turismo acheguen o territorio a todas as persoas visitantes.

Todo isto tratouse nunha xuntanza na que se acordou tamén por unanimidade a reelección da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, como representante institucional do Xeodestino tras estar no cargo un ano no que a pandemia freou de xeito importante a actividade turística. No encontro, celebrado esta semana no Pazo de Mos, participaron Antonio Lomba, rexedor da Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Juan A. González, rexedor de Nigrán; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, rexedora de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Sandra González, alcaldesa de Tomiño, e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; así como Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo de Mos; Eloísa Nogueira, tenente de alcalde de Pazos de Borbén; David Alonso, concelleiro de Turismo do Porriño; Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura e Turismo de Redondela, e Cristina González, concelleira de Soutomaior.