O Concello de Salceda de Caselas está a recomendar cada mes unha obra da sección de libros en igualdade, dispoñible na biblioteca municipal. Lecturas todas elas recollidas na guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade. Obras que pretenden amosarlle a nenos e mozos que outros contidos na literatura son posibles: o empoderamento das mulleres, a repartición de tarefas no fogar, a ruptura cos estereotipos sexistas ou a visibilización das mulleres na historia ou na ciencia.

A recomendación deste mes é ‘Xa non estou aquí’ de Iria Misa, unha novela coral onde dende diversos puntos de vista se pon de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.