Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, xestión de residuos urbanos e industriais e limpeza en espazos abertos e instalación industriais, son as tarefas que desenvolverá o alumnado do obradoiro de emprego que conxuntamente levarán a cabo os concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Baixo a denominación de Sustentable, ambos municipios veñen de solicitar conxuntamente unha axuda ao abeiro da convocatoria de subvencións para os obradoiros duais de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade.

Nel participarán un total de 20 alumnos-traballadores durante un período de 9 meses. As persoas participantes tamén contarán cun programa de prácticas profesionais que se desenvolverán en ámbolos dous concellos con excepción do certificado de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes que se realizará de xeito íntegro en Salvaterra de Miño, concretamente en Monte Castelo, Pesqueiras, e o de Xestión de residuos urbanos, que se realizará no Concello de Salceda de Caselas.

Os obradoiros duais de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas maiores de 18 anos, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.