E continuando con personaxes de lendas e contos, sae á luz un catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas galegas. “Na procura do medo esquecido” é o título do primeiro traballo do porriñés Juancho Castaño (juáncho, como así indica el que é o seu nome artístico). A obra, publicada pola Editorial Galaxia, “deambula pola mitoloxía galega, polas lendas e pola cultura popular, facendo unha achega aos múltiples seres e personaxes que enriquecen o noso patrimonio inmaterial, nomeadamente no ámbito do fantástico e no do medo”, explica o autor.

“Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda. É unha falta de respecto”, asegura o autor. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. “A natureza aparece como protagonista, pois pon o escenario, a luz e os personaxes principais no seu deambular polas nosas almas. Nas encrucilladas acotío moitos ollos presencian, e logo contan, o que acontece. Acontecementos extraordinarios narrados dun xeito sinxelo, directo e coloquial. Nos comezos, cando non había nin libro nin nada, eran só cousas de meigas...” e así presenta diferentes tipos de meigas: a chuchona, a máis perigosa, que zuga o sangue aos nenos e róuballes o unto para ser empregado na elaboración de ungüentos e pocións; a asumcorda, que espía á xente e vixía quen entra e quen sae das casas ou a marimanta, a meiga do saco, que rouba nenos e nenas e fainos desaparecer.

Prevese que a finais deste mes chegue ás librarías do país.

Perfil

juáncho é Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e conta co Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Gráfica Publicitaria na Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense. A mediados dos 90 lanzou o seu propio fancine, Comikaze, unha revista de banda deseñada e no 2008 creou un estudio de comunicación, publicidade e ilustración no Porriño. Nestes máis de dez anos leva traballado e colaborado con clientes de distinta entidade e natureza, pequenas, medianas e grandes empresas, festivais e institucións.