As novas que informaron a toda Europa da existencia dun novo continente en 1493 partiron de Baiona. Foi o 1 de marzo dese ano cando La Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou no porto da vila real, un acontecemento que puxo á localidade no mapa histórico fai 528 anos e que dende hai un cuarto de século celebra coa Festa da Arribada.

“Recorrer calquera rúa do noso casco neses días de celebración é esa aventura que toca tantas teclas da alma humana que fai que, nos traslademos ao medievo e que nos convenzamos da beleza de vivir. A arte da beleza de vivir e de compartir. Viaxar vacina contra a intolerancia e a cobiza daqueles que pensan que o seu non pode ser compartido con ninguén. Baiona é todo o contrario: a súa historia, o seu presente e sobre todo o seu futuro é unha exaltación da vida”. Estas foron as palabras do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, no acto de presentación da que será vixésimo sexta edición da Festa da Arribada, que deu comezo co visionado dun vídeo promocional do evento co que tamén pretenden “chegar ás emocións dos veciños, para que a través do relato da nena poidan sentirse especiais por poder gozar de todo o que lles ofrece unha das súas festas máis queridas: A Arribada. Un vídeo a través do cal enorgullecernos de esta festa que naceu, creceu e consolidouse grazas á unión, esforzo e traballo de todo un pobo. Un pobo que erixiuse de maneira colectiva co orgullo por conmemorar a chegada da carabela Pinta ao porto de Baiona coa noticia do encontro entre dous mundos. Co orgullo de converterse no primeiro porto en ter coñecemento dun novo mundo”.

Bótaselle así un pulso á Covid e, a pesares de que non se puido celebrar en data, a vila non quedará sen este festexo e “nun intento de salvar a celebración” programouse para os días 1, 2 e 3 de outubro, sempre que a situación epidemiolóxica o permita. Así, a idea do Concello de Baiona é “abrir o mes de outubro coa nosa festa por excelencia, o noso maior selo de identidade fóra das nosas fronteiras e que esperamos poder celebrala como se merece ao grande. O equipo de goberno aprobará unha batería de medidas dirixidas a garantir a seguridade sanitaria e cidadá de todos para poder gozar de tres días cheos de historia, historia como a que estamos a facer agora sobrepóndonos toda a humanidade a unha pandemia mundial que está a sacudir a todo o planeta. No mes de outubro tamén celebraremos outra efeméride de gran importancia para a Real Vila de Baiona, a Hispanidade”, explicaba o alcalde concluíndo cunha chamada á participación, “aos que xa nos coñecen, e para os que están por descubrirnos, convídoos a facer un salto atrás no tempo e revivir a nosa ilustre historia o próximo mes de outubro. Propóñolles refuxiarse nunha terra máxica de lendas e castelos que no seu momento foi a primeira coñecedora do descubrimento dunha nova cultura e dunhas novas xentes, dun novo lugar”.

O evento, un dos nove de Galicia co distintivo de Interese Turístico Internacional, vén celebrándose de xeito ininterrompido na vila dende fai 26 anos e, precisamente este é o “gran anhelo e unha das máximas” do Concello de Baiona nun ano marcado pola pandemia: “que a Arribada poida chegar a celebrarse, buscando así incentivar a economía local tras un ano difícil para a hostalaría e o comercio”.

Turismo

“Non podemos renunciar a ter soños, a manter aquelas festas tan importantes que, amais, son un elemento de gran atracción de visitantes e, polo tanto, de riqueza”. Esas foron as palabras da presidenta de Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación da festa e do cartel, no cal tamén estiveron presentes, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Ferández Tapias; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; Ángela Rodríguez, xefa de Zona Vigo-Sur de Abanca; a concelleira de Cultura, Miriam Costas, así como outras autoridades locais e representantes de asociación do municipio.

A presidenta provincial quixo felicitar ao goberno municipal, así como a todos os grupos políticos de Baiona, que tomaron unha “decisión moi acaída” ao dar luz verde á celebración da Arribada, considerando que “foi unha extraordinaria decisión” mantela.

Silva e Gómez coincidiron na importancia de levar a cabo a Arribada, coas correspondentes medidas sanitarias, para manter “o selo de identidade da vila e unha das celebracións máis importantes da provincia e de Galicia”.

Panizos indios

Unha panadería do municipio recuperou e adoptou como doce para esta edición tan especial os “panizos indios”. Unha receita típica indíxena que os asistentes ao acto de presentación xa puideron degustar.

Conta o primeiro cronista das Indias D. Gonzalo Fernández de Oviedo que “los indios lo muelen en una piedra de dos o tres palmos, cóncava, con otra redonda o rolliza y luenga que en las manos traen, a fuerza de brazos, echando agua y dejando pasar algún intervalo, poco a poco, no cesando de moler. E así se hace una manera de pasta o masa, de la cual toman un poco e hacen un bollo de un jeme, e grueso como dos o tres dedos. Y envuélvenle en una hoja de la misma caña del maíz y cuécnelo; y si no lo quieren cocer, asan esos bollos en las brasas, al resplandor, cerca de ellas, e quítanle la hora en que lo envolvieron para cocer o asar, e cómenlo. Los españoles han dado mucha mejoría a este pan, cociéndolo en horno a la manera de España, y es más sabroso y más lindo a la vista, así cocido, en roscas o tortas. Y hácese asar buen bizcocho dello”.

Cinco séculos despois, a panadería Yajoma de Sabarís recupera a súa elaboración tradicional e a adapta como doce típico para esta nova edición da Festa da Arribada 2021.

Mensaxe nunha botella

O acto de presentación xirou arredor da estrea do vídeo promocional da Arribada 2021 que leva por título “Mensaxe nunha Botella”. As protagonistas son dúas baionesas, Ángela Loureiro Giráldez e Ángela González Comesaña, que participaron en edicións anteriores na obra de teatro que todos os anos se representa na praia Ribeira durante a festa.

A peza audiovisual servirá para promocionar esta festa de interese turístico internacional ao longo destes meses a través de distintos medios. O filme é en galego e inclusivo, ao estar subtitulado para as persoas xordas, y ademais hai outras versións que irán subtituladas ao castelán e ao inglés.

O vídeo é obra de Ño Espazo Creativo, con sede en Sabarís, e a súa autoría é da fotógrafa e profesional audiovisual Cris Grande.