A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho ten operativo un rexistro de persoas afectadas polo peche das fronteiras terrestres con Portugal co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións polos custes que lles supón ter que facer máis quilómetros para acceder, por motivos xustificados, ao país veciño.

O obxecto deste rexistro é coñecer a casuística de cada unha das persoas afectadas e poñerlle nome e apelidos. Esta situación está a prexudicar a un elevado número de persoas que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos.

As persoas interesadas poden atopar o formulario na web http://smartminho.eu/rexistro-de-persoas-afectadas-polo-peche-da-fronteira/.

As persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos.