Non é suficiente. A reapertura parcial da ponte internacional que une Arbo e Melgaço, de luns a venres de 7.00 a 10.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, e a ampliación, con este mesmo horario agora, da apertura da ponte internacional que une Salvaterra e Monçao, non é dabondo para os traballadores de un e outro lado da raia que deben cruzar a fronteira a diario e con quendas variables para chegar aos seus postos de traballo. Máis quilómetros, perda de cartos en combustible e de tempo de descanso que agora deben pasar ao volante.

Unicamente continúa aberta as 24 horas a ponte internacional que une Tui e Valença e aos 26 municipios da raia e á súa veciñanza non lles chega.

Cruzar algunha das tres pontes abertas, total ou parcialmente, só se lle permitirá a quen vaia a transitar ou permanecer no territorio do país veciño por calquera motivo exclusivamente laboral, sempre que se acredite documentalmente. Esta categoría incluirá, entre outros, aos traballadores transfronteirizos, traballadores sanitarios e do transporte.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño considera estas aperturas insuficientes e que se deben ao “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto.

A AECT Río Miño insiste que non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos e pídelle aos gobernos de ambos países un “esforzo superior”, tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota, como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.

Sen ir máis lonxe, a ponte de Tomiño-Vila Nova de Cerveira, que continúa pechada, é a 5ª con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre España e Portugal.

A AECT pide que todo o persoal traballador transfronteirizo sexa beneficiario de apoio socioeconómico por estes prexuízos a través dunha tarxeta cidadá transfronteiriza.