Comezar canto antes coa segunda fase da renovación da área recreativa do Peirao, en Arcade, é un dos obxectivos marcados arestora no Concello de Soutomaior. Trala ampliación do parque infantil e a instalación do circuíto de educación viaria, a intención é renovar a zona deportiva coa colocación de novos elementos. Trátase dun novo skatepark e pistas de patinaxe e baloncesto

O skatepark contará con varios tipos de planos inclinados e ramplas dispostas a satisfacer as necesidades de varios deportes urbanos como o bmx, o skate, o scooter ou o roller. Os diferentes trazados da pista estarán adaptados a usuarios de tódalas idades, modalidades e experiencia. Ademais, incluiranse elementos innovadores de maneira que unha persoa menos experimentada poida mellorar as súas aptitudes segundo vai superando os diferentes niveis de dificultade.

Por outra banda, a renovación da pista de baloncesto contará con tres canastras e unhas medidas de 15x11 metros, as regulamentarias para a modalidade de baloncesto 3x3. No que respecta á nova pista de patinaxe, estará indicada para a iniciación desta práctica deportiva coa sinalización no pavimento de diferentes exercicios de patinaxe artístico.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, xustificou a necesidade de levar a cabo esta renovación “para ter preparada a zona deportiva antes da chegada do verán ante a cantidade de usuarios desta área recreativa durante o período estival. Esta é unha zona que no verán ten moitísima afluencia porque ofrece moitas posibilidades ás familias. Mentres os pais poden desfrutar da praia, os nenos poden xogar de forma segura e practicar os seus deportes favoritos cos seus amigos”, sinala o rexedor.